Para presenta-lo tema e como unha breve introducción ó mesmo,
o CDG considera que este artigo publicado en 1995 (ano no que a polémica
acadou unha grande repercusión nos medios de comunicación)
pola Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) na revista Nº 20
de Cadernos de pensamento e cultura A NOSA TERRA explica moi ben
o nacemento e evolución da Escola de gaitas e da Real Banda de gaitas
da Deputación de Ourense, para que coñezas e poidas entender
toda a problemática orixinada por este fenómeno.
En Galicia, en Galego
(...) primeiramente dicir que isto non
é só unha guerra de gaitas. É un conglomerado de circunstancias
que teñen un vencellamento directo co dirixismo cultural da Xunta,
coas ganas de pasar á historia dalgúns iluminados, e co feito
de confundir -intencionadamente ou non- conceptos: cultura con espectáculo,
representacións iconográficas con tradición, información
con crítica.
(…) isto non é só unha liorta de gaiteiros: é algo
que atinxe ó conxunto da sociedade , a aqueles que cren que Galicia
ten que estar no mundo con voz propia.
O fenómeno da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense
e a Real Banda xurde hai aproximadamente dez anos, cando
Xosé Lois Foxo é fichado pola Deputación de Ourense
para levar a cabo o que el mesmo denomina “invento” ou “experimento”. Daquela
houbo xente que xa sabía que Foxo pretendía producir un modelo
cultural do que el gusta: as bandas escocesas. Esta súa afección
e admiración polo escocés é pública, posto
que el mesmo a admitía, magoándose de que os galegos semellásemos
tan pouco marciais.
Real
Banda de gaitas da Deputación de Ourense
A pesares das conversas mantidas con Foxo por parte da A.G.G. (Asociación
de Gaiteiros Galegos), este segue adiante co seu invento que xa non é
tal: comeza entón a súa longa e interminable ringleira de
xustificacións históricas: gravados, capiteis, iconografías,
para tentar convencer á opinión pública de que o que
está a facer non só é galego auténtico, senón
que é máis galego que o que todos coñecemos por galego.
É a xustificación para que se impoña este modelo cultural
, que non ten nada que ver con Galicia, pero que intenta vender como tal.
Xosé
Lois Foxo cun gaiteiro da Real Banda Nesta
imaxe pode verse como
o gaiteiro leva a denominada GAITA MARCIAL
(unha
copia inventada polo Sr. Foxo, inspiradas nas gaitas escocesas) O son que emite é moi semellante o da gaita galega,
pero leva
o ronco e ronquetas cara arriba, imitando ás gaitas escocesas
(…) ímonos deter brevemente en dous dos argumentos que frecuentemente
emprega o director da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense
para xustificar e apoiar o seu invento:
1.- Dignificación: estes cambios o único que
fan e dignifica-los nosos instrumentos, preparalos para que anden polo
mundo con dignidade. ¿Isto significa que non considera dignos de
ser exportados os nosos instrumentos nin a nosa tradición, nin as
nosas formas? Nós si. Nós non negamo-la evolución,
o que negamos é a suplantación. Afirmar que para dignifica-la
nosa música é preciso pasar por riba dos elementos xenuínos,
identificadores e diferenciadores da nosa cultura é estar a favor
de pasar por riba dos sinais de identidade que estes elementos nos aportan.
É afirmar que a nosa tradición non é digna de estar
no mundo. Afirmar que para ser exportables temos que renunciar a nosa identidade
é un argumento que nin a A.G.G. nin moitos galegos, gaiteiros ou
non, están dispostos a subscribir.
2.- Entronque co mundo celta: a estas alturas non se lle
escapa a case ninguén que isto chamado celtismo non é máis
que unha maniobra comercial do mercado do folc saxón. A gaita non
é un instrumento exclusivo do entorno “celta”: existe no mundo eslavo,
no mundo mediterráneo, na África, India, Oriente Próximo,
etc. Tratar de circunscribi-la gaita a un entorno concreto é actuar
ou con parcialidade ou con falta de rigor.
No
que repecta as connotacións políticas baste lembra-la
afirmación do Presidente da Excma. Deputación de Ourense,
Xosé Lois baltar, feita diante da Asociación de Gaiteiros
e doutros colectivos, de que eles sabían que aquilo era un invento,
é máis, que non lles importaba que non fose galego. Que o
invento funcionaba moi ben e que tiñan moitos cartos investidos
nel. Baste lembra-lo apoio e a apoloxía que dende o programa “Con
Música Propia” da T.V.G. fan de todo este fenómeno, a propaganda
subliminal que a propia carátula do programa emite semana a semana:
con música propia e o sonido dun saúdo de tambores ó
xeito de fora tocado cos tambores premier, o silencio sistemático
da Radio Galega e da T.V.G. De todos xeitos, e aínda que esto semella
unha parafernalia feita a medida dalgúns dirixentes do PP, non esquezamos
que, por exemplo, os rozamentos da Real Banda son aprobados sen preguntas
de ningún tipo polos partidos da oposición da Deputación
de Ourense. Se co apoio deste invento por parte do PP está demostrando
para coa nosa cultura musical a mesma sensibilidade que tería un
ourizo cacho, os partidos da oposición están demostrando
co seu silencio e a súa falta de interese unha falta de concienciación
e de arredamento da realidade cultural do país, e por ende a mesma
falta de sensibilidade.
Polo que respecta ós intereses económicos vaian só
estes apuntamentos: dentro da Deputación de Ourense existe un Obradoiro
de Instrumentos de onde, paradóxicamente, non saen as gaitas marciais.
Estas gaitas, feitas neste obradoiro, e considerando que os que alí
traballan son funcionarios pagos pola Deputación, terían
un custo aproximado de 20.000 pta./unidade. Nembargantes as gaitas veñen
de outros talleres: Inspo de Ourense ou Antón Varela do Ferrol.
A Deputación paga por cada unidade un prezo medio de 100.000 pta.
No referente ás percusións, existe un comercio continuo baseado
no cambio de instrumental: o cambio de categoría na liga ou campionato
de bandas, ou as pretensións da tal cambio, veñen forzosamente
acompañadas de compra de percusión nova, cada vez máis
“mellorada”. Parches da fábrica Gonalca de Valencia, tambores Honsuy
ou Premier, todos teñen un axente comercial que nos gustaría
coñecer.
Real Banda (...ou máis ben "Royal Ourense Diputation Pipe Band")
desfilando
cunha banda de gaitas escocesa
Por último, gustaríanos introducir unha mensaxe de esperanza
e ledicia: hai moitas alternativas a este tipo de bandas, alternativas
dende as propias bandas e dende outras formacións, alternativas
que existen e que perpetúan a nosa tradición de pobo único
musicalmente falando. Alternativas que se están a levar a cabo e
que poden ser contempladas por todo aquel que se interese por elas. Baixo
este prisma é que nós convidamos á reflexión
e á opinión. A Xunta Directiva da A.G.G. quere que dentro
de 100 anos este pobo chamado Galicia siga tendo gaiteiros e percusionistas
que falen musicalmente en galego. A música tradicional de Galicia
, os seus instrumentos e as súas formas teñen que atopa-lo
seu propio camiño de futuro, o seu lugar para seguir existindo,
pero sen visionarios nin iluminados, sen inxerencias alleas nin colonización.
Coidamos que existe potencial dabondo para facelo.
A A.G.G. chama á xente que sente este país: á xente
de a pé, ás xentes da cultura, ás xentes da política,
a todo aquel que sinta a necesidade de que Galicia siga a existir con eses
elementos únicos e diferenciadores que converten a uns milleiros
de xentes que comparten un territorio nun pobo con identidade, con conciencia
de sí mesmo. Chama a esta xente para que Galicia siga soñando,
e tocando, e vivindo, e falando, por mil primaveras máis, en galego.
ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS
Banda
"Devalar"
(Amoeiro, Ourense)
e Banda "Buxaina" (Taragoña, A Coruña)
Modelo
escocés e modelo
galego de banda de gaitas
Finalmente, gostaríanos comentar que o xurdimento das bandas de
gaitas na nosa terra é relativamente recente, polo que non se pode
dicir que este tipo de formación sexa tradicional, senon un modelo
inspirado noutras culturas. Sen embargo, o CDG pensa que non se pode desnaturalizar
a imaxe da nosa música, copiando e implantando elementos foráneos
que progresivamente vanse introducindo nas bandas de gaitas. Pódese
evolucionar de xeito natural, sen imposicións, mantendo perfectamente
as formas propias e características do noso folclore.