O Colectivo en Defensa da Gaita (CDG) nace en A Coruña como
consecuencia directa da inquedanza e preocupación dun grupo de xente,
gaiteiros e non gaiteiros, para denuncia-la gravísima situación
que dende hai xa uns anos está a atravesa-la gaita galega como instrumento
tradicional e popular, tendo na actualidade como principal ameaza a implantación
do MODELO CULTURAL ESCOCÉS nas bandas de gaitas (referente
ás gaitas, percusión, vestimenta, estética, pezas
que se interpretan, estilo musical, etc.) suplantando ós nosos propios
e autóctonos rasgos de identidade como país e cultura. Este
fenómeno está a destruir e aldraxa-la nosa tradición
musical, implantándose progresivamente un estilo musical alleo (coa
utilización de elementos inusuais e inexistentes na nosa tradición,
copiados das bandas escocesas) e a posterior sustitución do modelo
tradicional galego polo escocés neste tipo de agrupacións
pseudo-galegas.
Banda de gaitas "Os Trasnos" (Ourense)
Os membros que formamos parte do CDG non pretendemos ir contra ninguén.
Non imos contra os gaiteiros e percusionistas que están sendo partícipes
deste gran engano para o proveito duns poucos. Non imos contra a música
escocesa, admirámola como manifestación cultural dun pobo
tan respetable coma o noso. Non imos contra a innovación (emprego
de novas tonalidades nas gaitas ou de novos materiais sen modifica-la esencia
dos instrumentos), sempre e cando ésta sexa natural (non copiada
nin imposta intencionadamente) e respete a tradición (non
a destrúa). Pero sí imos contra ese sistema que foi implantado
por certas persoas que non teñen compromiso nin respeto pola nosa
música, infravalorándose e mostrando un incomprensible
complexo de inferioridade musical con respecto a outros países.
Queremos amosa-lo noso desacordo sobre determinadas cuestións no
contexto xeral das bandas de gaitas. O xurdimento deste novo concepto musical
en Galicia hai anos puido evolucionar dun xeito natural, mantendo as formas
propias e características do noso folclore. Pero non foi así.
Houbo xente (o Sr. Foxo e compañía) que intecionadamente
implantou dende Ourense, co apoio económico e moral de institucións
e organismos oficiais de Galicia (Deputación de Ourense, Xunta de
Galicia, etc.), os verdadeiros culpables de todo isto, un modelo cultural
espectacular e rechamante, alleo e importado doutra cultura, sen importarlles
a existencia na nosa terra dunha tradición cultural e musical de
moitos anos. Co paso do tempo xurdiron bandas e bandas de gaitas que foron
incorporando paulatinamente elementos copiados desa cultura foránea,
sendo financiadas con cartos públicos de tódolos galegos
e galegas. Daquela as voces críticas, con moita razón, denunciaban
algo totalmente incomprensible. Os anos pasan e esta invasión non
hai quen a pare. Agora este modelo estase implantando progresivamente nas
bandas de gaitas do resto das provincias, nas súas zonas limítrofes
(Portugal, Asturias, León, Cantabria), así como nos centros galegos
de Europa e América.
¿Por que se está a enganar sistemática e intecionadamente
a milleiros de gaiteiros e percusionistas que, sen ter ningunha culpa,
están recibindo formación musical nesas agrupacións,
con información parcial e chantaxes en forma de desprezo ó
tradicional?. ¿Por que se está a impedir premeditadamente
a transmisión dos verdadeiros valores musicais galegos ás
vindeiras xeracións?. ¿Por que se está a impoñer
por capricho duns poucos unhas formas musicais alleas co visto bo dos nosos
gobernantes?. ¿Por que se están a destinar cartos do
pobo a algo que valora máis ó foráneo que o propio,
a algo que musicalmente non nos representa?. ¿Por que a imaxe de
Galicia e da súa música que se está a dar polo
mundo adiante é totalmente confusa, enganosa, falsa, non se identifica
coa nosa tradición?. E o máis importante, ¿por que
a xente non reacciona ante o que está a acontecer?. ¿Por
que?...
Banda de gaitas "A Carballeira" (Ourense)
O CDG cre na dignidade do gaiteiro; cre na autenticidade e na identidade
propia do noso folclore; cre que non se precisan elementos copiados da
cultura escocesa para a expresión musical galega, cando xa posuímos
unha maneira de ser rica e natural; cre na boa vontade dos gaiteiros e
percusionistas que naceron e participaron nestas bandas, cuia única
carencia é a dunha información imparcial.
Todo isto fai que a situación actual que estamos a vivir, e onde
este tipo de bandas tentan expandirse pola nosa terra, sexa triste,
lamentable e vergonzosa. Sabemos que este fenómeno estase a producir
sobre o respaldo duns intereses económicos e políticos moi
fortes. Non podemos permitir que toda esta gran farsa pro-escocesa se siga
extendendo pola nosa terra. O compromiso do CDG será, dentro das
nosas limitacións, impedi-la colonización do noso entorno,
así como ir recuperando as zonas xa invadidas. Para isto é
preciso que o público en xeral se informe, tome conciencia e, consecuentemente,
poida reaccionar, implicándose activamente nesta loita pacífica
polo que verdadeiramente cremos: a nosa música.
Polo tanto, tendo en conta os antecedentes desta historia e a información
e medios que dispoñemos, tentaremos levar a cabo unha campaña
informativa, sendo conscientes do traballo e dedicación que esto
supón, e así facer que se cumpran os nosos obxectivos.
Esperamos que, a pesares dos impedimentos existentes, iniciativas como
a do CDG poidan saír adiante e que ti, como visitante desta web
informativa, poidas saca-las túas propias conclusións sobre
este tema e des a coñecelo á xente do teu entorno.
Moitísimas gracias por todo o que poidas facer. De verdade.