COLECTIVO EN DEFENSA DA GAITA (CDG)                                           "A ÚNICA LOITA QUE SE PERDE É A QUE SE ABANDONA"                                       colectivoendefensadagaita@yahoo.es



 

ANÁLISE

 

ENGANO SISTEMÁTICO E INTENCIONADO Ó POBO GALEGO
SOBRE A AUTENTICIDADE DESTE EXPERIMENTO

AGRESIÓN Á IDENTIDADE CULTURAL E MUSICAL DE GALICIA

FINANCIACIÓN PÚBLICA DE INSTITUCIÓNS E ORGANISMOS OFICIAIS

 

            Todo este gran invento copiado que,como xa dixemos, para nada ten que ver coa tradición musical e cultural do noso pobo, susténtase nunhas frouxas bases argumentais históricas moi concretas (gravados, capiteis, iconografías, etc.) e nuns razonamentos absurdos do Sr. Foxo que fan que teña que recurrir á historia para xustificar dalgún xeito a existencia na nosa terra deste tipo de manifestacións alleas a Galicia. Estas xustificacións históricas caen polo seu propio peso, pois son moi aisladas e, en numerosas ocasións, sacadas de contexto, polo que non constitúen argumentos o suficientemente convincentes para que o Sr. Foxo impoña intecionadamente este modelo alleo na nosa terra. Ademáis, as imaxes dos nosos antergos relacionadas co mundo da gaita que perduran ó longo do tempo non se identifican para nada con todo este invento copiado, polo que fai pensar que o que está a acontecer non é máis que unha  trangallada argallada por uns poucos para o seu propio beneficio.


Copia do gaiteiro seglar da Igrexa coventual de San Francisco de Betanzos (S.XIV)
e gaiteiro do Pazo de Santa Cruz de Bueu (S.XVIII)
Estas fotografías son dous exemplos  das xustificacións históricas argumentadas polo Sr. Foxo


            
O que sí podemos dicir, e coidamos que ninguén o dubida, é que certos aspectos do Sr. Foxo (método de ensinanza e sistema organizativo empregados) si poden ser positivos para a nosa música, recoñecéndolle o seu mérito, pero tendo en conta que todo o que está a facer, sexa bo ou malo, é gracias ó apoio económico de institucións e organismos públicos que fomentan a destrucción da esencia musical do noso pobo.
 

          De seguido, analizamos os principais puntos que motivan a polémica:

            1.- Gaitas. Coa disposición dos seus elementos cambiada: ronco e ronquetas cara arriba, forma do fol rectangular e non redondeada. Supostamente baseadas nas iconografías.


GAITA ESCOCESA, GAITA MARCIAL e GAITA GALEGA

            2.- Percusión. É incuestionable que non utilizan percusión galega, nin na morfoloxía externa dos instrumentos, nin nos ritmos musicais que se lle aplican as pezas, nin no xeito e técnica de execución, nin, por suposto, no sonido final resultante.


Bombos, mazas e tambores "PREMIER"
Para estas bandas pro-escocesas, este tipo de percusión é máis axeitada que a tradicional
pois, segundo eles, adáptase mellor, aportándolles unha maior sonoridade


Banda marcial e banda escocesa
A percusión deste tipo de bandas é a mesma que empregan as bandas escocesas

            3.- Vestimenta. Ninguén que se chame galego identifica o que ve coa cultura de Galicia. Aínda así séguese a porfiar sobre bases iconográficas e profundas investigacións.


Bandas "Amigos do Mosteiro", "Nova Fronteira & Cartelle" e "Devalar"

            4.- Estética. Non inspirada na tradición galega, nin orixinal, senón inspirada noutras culturas de corte militar, tanto no xeito de formar e desfilar como de tocar, coller o instrumento, inicios e finais das pezas, etc.

 
 


Bandas de gaitas marciais e escocesas
A formación circular e a forma de desfilar
son unha COPIA das bandas escocesas

            5.- Manipulación dos ritmos e repertorio. Introducción de repertorio non galego de xeito maioritario e progresivo; sons de percusión militar, escalas musicais foráneas. Desnaturalización do pouco repertorio galego que tocan, xa que a este se lle aplican ritmos, percusións e ornamentacións melódicas diferentes ás galegas.

            6.- Por tanto, as técnicas tampouco son galegas. Baste dicir que para ben estudialas e perfeccionalas traen profesores de Escocia e a Bretaña para impartir as aulas.

            7.- Formación dos cativos. Un dos puntos máis doentes desta historia son as consecuencias formativas para estes miles de rapaces. Están a recibir unha información castrada, sesgada, están sendo educados no autoodio ó que é da terra. Estanlles ocultando premeditamente unha morea de aspectos da nosa tradición.


Este tipo de bandas con gaiteiros serios, sen expresión
está a troca-la imaxe natural do gaiteiro galego
A fotografía foi sacada dun libro de texto
de Coñecemento do Medio (5ºPrimaria)

            En conclusión, nin o que sona, nin o que se escoita, nin o que se ve é representativo da tradición musical nin se inspira nela. Non se pode considerar unha evolución , xa que, tristemente, só consiste nunha fotocopia doutra cultura, é polo tanto unha colonización cultural que nada interesante aporta á cultura mundial , nin por suposto á galega.

            Por outra banda, non podemos esquencer a gran influencia e repercusión nos distintos medios de comunicación galegos e non galegos que tivo e ten este asunto. Algúns cidadáns, preocupados polo que está a acontecer, deciden manifesta-las súas protestas, principalmente, a través de artigos de opinión que de cando en vez publican os xornais galegos. O seguinte texto é só un exemplo das denuncias que dende que xurdiu hai anos este fenómeno se están a facer e que únicamente pretenden informar á xente sobre todo este gran problema. É unha copia dunha "Carta al Director" publicada en Decembro de 2000 en varios xornais da nosa terra. Nela o seu autor   (Luis García Corral) denuncia a actual situación, cunha opinión totalmente compartida polo CDG.
 

A farsa gaiteiril

            Gostaríame chama-la atención e facer algúns apuntamentos críticos sobre o engano e confusionismo ó que continuamente estamos sendo sometidos tódolos galegos e galegas dende hai xa algúns anos con relación a cada vez máis crecente proliferación na nosa terra dunha serie de bandas de gaitas que din chamarse galegas e representa-la música tradicional de Galicia, sendo financiadas por institucións e organismos públicos que teóricamente deberían destinar eses cartos a algo representativo da nosa tradición.

            En xeral, tódalas persoas que, independentemente da súa orixe, poidan amar e sentir as diferentes manifestacións culturais e musicais propias dunha terra, fan o posible para que éstas, co paso dos anos, perduren e poidan considerarse para as vindeiras xeracións como verdadeiras mostras representativas da súa tradición máis próxima. Ademáis, é impensable que nun pobo onde se estean dando esas manifestacións que identifican ós seus habitantes co seu entorno, poidan copiarse e, consecuentemente, implantarse modelos culturais doutros países para sustituílos progresivamente polos propios. Tendo en conta esta  lóxica, coido que todo o que está a acontecer en Galicia sobre este tema é máis un problema de forma que de fondo, pois ninguén pode estar en contra da dignificación da gaita como instrumento propio e representativo da nosa terra, pero sí do xeito en que se leva a cabo esa dignificación, copiando modelos foráneos e importados doutras culturas. A actual situación que estamos a vivir, fai que moita xente se pregunte cal pode ser o motivo que leva a que moitas bandas de gaitas copien o modelo escocés, máis espectacular e vistoso, conlevando a que pouco a pouco éste se vaia implantando ata asumirse como propio. Para min, varios aspectos poderían influir  nesta explicación ilóxica: por unha banda, a ignorancia e descoñecemento da cultura musical galega e a infravaloración da nosa música con respecto á doutros países. Por outra, o momento idóneo para que todos eses que manipulan o pasado o seu antollo (o Sr. Foxo e compañía) poidan convertirse en verdadeiros artífices do rexurdimento da música ¿galega?, etc.

            Pero, sen dúbida, o máis triste, lamentable e vergonzoso é que todos os que cremos que esto non é máis que unha farsa para o proveito duns poucos, sempre co visto bo dos nosos gobernantes, non podamos evitar as futuras consecuencias negativas para todos eses gaiteiros e percusionistas que na actualidade forman parte das cada vez máis numerosas bandas de gaitas que copian o estilo escocés, sendo partícipes desa suposta dignificación da gaita da que tanto presumen algúns, uns máis que outros, dende hai anos. Polo tanto, só queda implicarse un pouco máis na loita para que esta moda pro-escocesa non se siga expandindo pola nosa terra. E sobre todo, informar á xente, para logo poder reflexionar e analizar coa seriedade que merece todo o que está a acontecer. Ánimo e…a loitar.

  Luis García Corral. A Coruña
 


Concentración de gaiteiros (máis do 90% "marcianos")
na Praza do Obradoiro (Santiago de Compostela)
Toma de posesión do Presidente da Xunta D. Manuel Fraga

            Como xa sabes, todo este experimento é apoiado económica e moralmente por unha serie de institucións públicas e organismos oficiais de Galicia (Deputación Provincial de Ourense, Xunta de Galicia, Televisión de Galicia, etc.) que, presumindo de representar e defende-los intereses de tódolos galegos, destinan unha gran cantidade de cartos a algo que non representa nin se identifica coa realidade musical galega, dando unha imaxe totalmente errónea e confusa da nosa tradición. Tódolos milleiros de rapaces que actualmente aprenden e tocan nestas bandas son os que menos culpa teñen do que está a acontecer. Os verdadeiros culpables desta situación son os que financian cos cartos de tódolos galegos todo este gran engano. Desviar intecionadamente a estas bandas pro-escocesas moitas das axudas e subvencións que viñan recollendo as formacións tradicionais é unha gran falta de respeto á nosa terra, e máis concretamente, a toda esa xente que durante moitos anos, con moito traballo e dedicación, fixo perdurar ata hoxe as diferentes manifestacións culturais e musicais galegas.


"-Sempre que poño a Galega (TVG) hai unha gaita.
- E as máis das veces,escocesa"
Neste caso,o humor de Xaquín Marin denuncia como dende
os medios de comunicación se promociona todo este gran engano

            Cando xurde este experimento aparece unha lóxica e comprensible "loita", que afortunadamente aínda non rematou (a chamada "GUERRA DAS GAITAS", ou máis ben "AS GAITAS DA GUERRA") entre un sector que pretende conserva-la tradición e outro sector máis innovador, que defende a  incorporación de todos eses elementos  copiados da tradición cultural e musical escocesa que xa coñeces. Actualmente se está a producir unha progresiva sustitución do estilo galego en moitas bandas de gaitas polo estilo escocés, máis espectacular e rechamante, conlevando a que pouco a pouco a nosa tradición cultural e musical vaia desaparecendo.

            Dende o ano 1990 a Federación Galega de Bandas de Gaitas e a Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense organizan a chamada LIGA ¿GALEGA? DE BANDAS DE GAITAS, co obxectivo de dar saída ós millleiros de rapaces que aprenden os segredos das "gaitas marcianas". Estes campionatos (coas cámaras da TVG en directo para que os televidentes poidan disfrutar co espectáculo) son outra copia dos que se fan en Escocia. Un dos propósitos desta competición (as bandas compiten entre sí en catro graos para acadar o mellor posto nas distintas fases) é, segundo o seu regulamento, "a recuperación e afianzamento dos xéneros máis xenuinos da música popular e tradicional de Galicia, traducidos no instrumento Rei de Galicia: A GAITA GALEGA". O CDG considera esta afirmación unha gran falta de respeto ó mundo da gaita.  ¿Cómo se pode dicir que neste tipo de encontros o que se pretende é recuperar e afianza-la nosa música? ¿Gaita galega? ¡¡VERGONZOSO!! Se o estilo de moitas destas bandas (non todas) é máis escocés que galego, por lóxica, esto é totalmente contradictorio.


A similitude da Liga ¿Galega? de Bandas de Gaitas
cos campionatos escoceses é asombrosa
Por exemplo, o emprego de círculos para desfilar nas áreas de competición
amosa-las semellanzas deste tipo de encontros

            A continuación, resumimos brevemente o contido dalgún dos artigos dese regulamento, pois considerámolos moi significativos para decatarse do gran engano que dende esta Liga estase a  facer á música tradicional galega:
 

CAPÍTULO 4. COMPOSICIÓN E MOVEMENTOS DAS BANDAS

ART. 1: "...valoraranse a inclusión de tambores tenores".

ART. 3: "As bandas poderán ir precedidas de estandarte ou bastón de mando, o que pode indicar cambio de movementos ou fin de melodías, cun xesto indicador do mesmo".

ART. 4: "As bandas deberán ir ataviadas con traxes documentados en Galicia en calquera época, remota ou próxima".

ART. 5: "Cada banda deberá iniciar a súa actuación na liña de Stop con marcha acompañada por música formando un círculo segundo está estabrecido, recompoñendo a formación para a súa saída, valorándose a elegancia deste exercicio coreográfico, non permitíndose outro tipo de variantes coreográficas. O exercicio de saída deberá incluir a volta na liña de stop, rematando dentro dos círculos".
 

CAPÍTULO 5. CUALIDADES A TER EN CONTA PARA A VALORACIÓN DAS BANDAS

ART. 3: "PERCUSIÓN: Empaste e balance entre os distintos tipos de percusión, afinación entre os instrumentos de percusión entre sí, arreglos, balance entre gaitas e percusións, acentos métricos, control de baquetas, fortes e débiles, control de redobres, pulso, son, xeito de coller as baquetas, fraseos, adornos, asincopados, froreos e baqueteos".

ART. 4: "ESTÉTICA: Utilización de vestimenta compaxinada entre sí e coa imaxe xeral da banda, estado de conservación dos traxes e instrumentos, entrada, saída e colocación nos círculos, alineación, andar compaxinado, actitude e expresión dos músicos; presentación xeral da banda, movementos coordinados a hora de iniciar e rematar as actuacións. Deberemos ter en conta que o gaiteiro de banda deberá adoptar unha postura que colabore á uniformidade do conxunto, inspirado na disciplina de imaxe de banda. Durante a actuación manterá os pés en forma de V.
       A marcha nas bandas esixirá unha técnica especial, inspirándose no andar normal. Os pés deberán pousarse no correcto momento, pisando dúas veces nos compases de 2/4 e 6/8; tres veces no de 3/4 e catro no de 4/4.
       Os movementos ao marchar deberán ser completamente naturais, sen ter como referencia as marchas militares, senón de forma máis pausada e semellándose ao andar normal. O tempo de marcha deberá estar en torno a 80 ou 90 pisadas por minuto. Non se deberá andar a tiróns ou de xeito ríxido, doblar os xionllos de forma esaxerada (a excepción do último paso no fin da marcha) ou golpear o chan, pretendendo especialmente acadar unha marcha natural e confortable, asegún emana do ritmo dos típicos pasacorredoiras galegos".

VIDEOS ILUSTRATIVOS SOBRE A LIGA ¿GALEGA? DE BANDAS DE GAITAS
E A SÚA SIMILITUDE COS CAMPIONATOS ESCOCESES:

 




 

VER MÁIS FOTOS SOBRE A LIGA DE BANDAS DE GAITAS

 

            Ademáis, o CDG ten constancia da existencia de continuas presións ás bandas de estilo tradicional que participan nas distintas categorías ou graos e fases desta liga para que modifiquen principalmente a súa percusión (pasando da tradicional á ecocesa), e a súas gaitas (pasando das gaitas galegas ás marciais). Asi mesmo, as bandas tradicionais sufren unha discriminación constante,  reducíndolles puntuación por non adaptarse ó estilo escocés (que domina en máis dun 90% dos participantes), ata descender de categoría, "obrigándolles"  a retirarse e abandona-la competición.


Rapaz gaiteiro tocando ó estilo marcial
...ata os xuices da Liga ¿Galega? de Bandas de Gaitas
bótanse a chorar ante o que están a ver !!

            Por outra banda, dicir que este movemento pro-escocés está nunha fase de colonización e expansión por toda Galicia, por algunhas  zonas limítrofes (Portugal, Asturias, León, Cantabria, etc.) e polos numerosos Centros Galegos espallados polo mundo.


Banda "Amigos do Mosteiro" (Melón, Ourense) e Banda "Cidade de Bos Aires" (Arxentina)
Nas fotografías vemos a suposta evolución destas bandas:
da formación tradicional pásase ó estilo marcial.
Esto é só un exemplo da lamentable imaxe da nosa música que se está a dar

            En Galicia, a provincia de Ourense está xa prácticamente invadida por esta nova moda. En Lugo e Pontevedra existen bandas deste tipo e estanse convertendo en novos obxectivos a colonizar. Por contra,  A Coruña é a provincia que parece amosar un rexeitamento máis contundente ó estilo escocés nas súas bandas de gaitas. Con relación ás zonas limítrofes, en zonas de Portugal e nas provincias de Asturias, León, Cantabria, etc.  estase a producir un proceso semellante ó galego, aínda que presentando algunhas diferencias.

Bandas marciais asturianas, portuguesas e leonesas
A sustitución de instrumentos propios destas rexións por outros con influencias escocesas
é unha constante neste tipo de bandas de gaitas
 

 

 
   

© ® 2001 COLECTIVO EN DEFENSA DA GAITA. Reservados tódolos dereitos